Cada 23 de xuño teño por costume saír a por flores á tardiña para logo deixalas en auga baixo o rocío da noite de San Xoán. É unha tradición que aprendín de a miña avoa, de feito ela segue axudándome, a día de hoxe, na colleita. A verdade é que a nosa “poción” leva de todo, algunhas das típicas herbas de San Xoán xunto con outras que non o son pero que decidimos sumalas, xa sexa polo seu cheiro ou a súa cor.  Ao día seguinte, en canto nos levantamos, lavámonos a cara con esta fantástica colonia natural.

 

Son moitos os lugares de Galicia onde se realiza este ritual e numerosas as variedades de herbas que se utilizan. A tradición aconsella empregar, polo menos, sete herbas (normalmente con propiedades medicinais e aromáticas) e tamén auga de sete fontes diferentes. No noso caso, só somos capaces de cumprir co primeiro, o das sete fontes xa é outro cantar… Entre elas non faltan nunca as flores de Sambucus nigra (para nós sabugueiro), rosas ou plantas aromáticas como a salvia ou o romeu.

 

sabugueiro

 

Aquí déixovos unha listaxe coas herbas típicas. Anímovos a probar esta experiencia, que segundo din, axuda a manter a bruxas e espíritos maléficos baixo control (disto non estamos tan seguros):

 

Herba de San Xoán ou hipérico. Abeluria. Hypericum perforatum.

Fento macho. Dryopteris filix-mas.

Fiuncho. Foeniculum vulgare.

Malva. Malva sylvestris.

Herba luisa. Aloysia citriodora .

Romeu. Rosmarinus officinalis.

Codeso. Adenocarpus complicatus.

Sabugueiro.Sambucus nigra.

Nogueira. Juglans regia.

Estraloque, dedaleira. Digitalis purpurea.

Loureiro. Laurus nobilis.

Flor de San Xoán. Falsa árnica. Helichryssum foetidum.

Torvisco. Daphne gnidium.

Rosa. Rosal silvestre. Rosa canina.

 

Ademais destas que mencionamos, tamén se poden empregar o fento real ( Osmunda regalis), a herba boa, a ruda, a salvia, a milenrama, o rusco, a artemisa….. e mesmo a xesta.

 

E vós, ¿tendes algunha receita en particular que querades compartir connosco?

 

Se vos interesa este tema podedes ver: As herbas e o “cacho” de San Xoán: Entrevista a Amancio Castro, donde Amancio Castro, especialista na tradición galega das herbas de San Xoán, nos fala sobre as orixes do ritual, os pasos imprescindibles a seguir e as herbas a utilizar.

 

Na seguinte ligazón vos deixamos tamén un vídeo-resumo da preparación da auga: https://cutt.ly/qu3pof0

 

 

 

Engadir comentario