“As últimas palabras díxoas Narciso mirando ao auga unha vez máis: «Ai, raparigo vanamente amado!», e o lugar devolveulle todas as palabras; e cando lle dixo:«Adeus!», Eco repetiuno. Extenuado, deixou caer a súa cabeza sobre a verde herba, e a noite pechouse sobre os seus ollos, que aínda admiraban a beleza do seu propio dono; e aínda despois de chegar ao mundo infernal, seguiu mirándose nas augas infernais.”

(Ovidio, Metamorfose)

 

Eco e Narciso, por John William Waterhouse

 

Moitos de nós coñecemos o mito de Narciso e Eco tal e como se describe na Metamorfose de Ovidio. Se non é así, seguro que coñecemos a historia aínda que sexa de oídas. Pero, e desa planta, que sabemos do narciso?

 

Narcissus sp.

O xénero Narcissus, pertencente á familia Amaryllidaceae é orixinario da conca mediterránea, aínda que tamén existen especies noutras partes de Europa, e incluso Asia Central e China. Na península ibérica atópanse unhas 30 especies, algunhas delas moi escasas.

A maioría das especies de Narcissus son bulbosas e florecen na primavera. A duración da súa parte aérea é breve, a penas déixase ver uns 20 días, logo de murchar desaparece. O seu aspecto adoita ser moi delicado. As súas follas son longas e estreitas, acintadas, planas ou acanaladas… Parecen arquearse co peso das flores, ás veces perfumadas, e de cores brancas, amarelas ou crema, colgantes, solitarias ou en grupo e suxeitas por un longo pedúnculo.

 

 

Narcisos no xardín

Se desexades ter narcisos no voso xardín debedes saber que os seus bulbos plántanse no outono, separados entre si uns 10 centímetros. Prefiren climas suaves e chans húmidos, fértiles e ben drenados. Favorécelles unha exposición asollada ou de semisombra. E un dato interesante: é bo abonar despois da floración e cortar as flores murchas deixando as follas ata que se sequen por completo. Este será o momento idóneo para recoller os bulbos e gardalos nun lugar escuro, seco e fresco ata o outono seguinte. Se deixamos os bulbos no chan, cos anos irán multiplicándose por si mesmos.
v
O marabilloso dos narcisos é que cando xa case che esqueciches de que están aí, aparecen “por sorpresa”, regalando a súa cor e “graza” aos nosos xardíns e á paisaxe.
v
E falando de paisaxes, debedes saber que en Galicia están presentes cinco especies de narcisos: Narcissus triandrus subsp. triandrus, Narcissus bulbocodium, Narcissus pseudonarcissus, Narcissus asturiensis, Narcissus cyclamineus. As tres últimas son consideradas “vulnerables” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Delas vos falamos no post Narcisos en Galicia.

 

 

 

 

Engadir comentario