Eloxio do bosque

Eloxio do bosque

Deixamos xa atrás o verán e comezamos setembro. Facémolo resaltando a importancia dos bosques, cousa que tamén se pode propor a través dos xardíns.

Non sempre somos conscientes do valor do noso entorno natural e das especies que alberga, tanto botánicas como faunísticas. Un agosto como o que acabamos de “sufrir”, cunha cantidade intolerable de incendios en Galicia, pon en dúbida o noso respecto polo entorno que nos rodea. É por isto que neste mes decidimos non tratar un xardín en concreto para centrarnos nos bosques, falando a cerca de cómo estes se relacionan cos xardíns, recordando os nosos bosques autóctonos ou os diferentes beneficios que podemos obter deles.

Dende a antigüidade,o  bosque, ao igual que a horta, foi unha parte inseparable do xardín, como lugar de paseo, con fins produtivos… ou tamén pola súa simple beleza. Pensemos, por poñer un exemplo, no coñecidísimo xardín-bosque de Bomarzo no que o diálogo entre a vexetación e as esculturas termina por acentuar a misteriosa imaxe do lugar. Xa aquí en Galicia, temos o Pazo de Lourizán, no que predominan as especies arbóreas de distintos portes, cores e procedencias. Existen outros xardíns onde se separa claramente o bosque do xardín propiamente dito, coma no Pazo de Oca, no que a Avenida dos tileiros nos encamiña cara o bosque de Guillufe. E como non recordar o Pazo de Fefiñáns, en Cambados, ao que se accede a través dunha sinxela porta que para nada nos fai sospeitar que detrás se atopa ese fermoso “templo” verde.

Por último, non podemos deixar de falar tampouco durante este mes do Pazo de Rubiáns. Este verán sufriu a ameaza do lume coma poucos outros xardíns de Galicia. Un incendio declarado nas inmediacións da finca fíxolles pasar un auténtico mal trago (por dicilo dalgunha maneira) aos seus propietarios e traballadores, e non é a primeira vez que isto ocorre.

Todas estas cousas e moitas máis serán as protagonistas de setembro, onde esperamos, coma sempre, a vosa colaboración para que nos axudedes a descubrir os tesouros xardinísticos da nosa comunidade.

Comezamos!

 

Sin categoría

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con