Froitas e Inventario ilustrado de froitas e verduras, dous libros nutritivos
Volvendo ao cotián e centrándonos esta vez nas froitas e verduras que consumimos a diario: son raíces, tubérculos, follas, bulbos…? Proceden dalgunha árbore, arbusto ou planta? Como son as follas desa planta, e o seu nome en latín? Kalandraka axúdanos a atopar resposta a preguntas como estas a través dos seus libros Froitas e Inventario ilustrado de froitas e verduras.
FRoitas
Pequeno-gran libro co que exercitar a relación de procedencia de distintas froitas con respecto á árbore onde crecen. Desprégase a modo de cantilena infantil: a mazá na maceira, a cereixa na cerdeira… Orixinando así, un delicado poema pendular no que, rítmicamente, arrólase a aprendizaxe a través de pequenos conceptos básicos de botánica e de gramática.
Pertence á colección Do berce a lúa, dirixida a nenos entre 0 e 3 anos. Nela podemos atopar outros títulos como crocodilo, animais, cinco, lúa, piñeiro, miau… Todos eles pictogramas poéticos que Antonio Rubio, o autor destes preciosos libros para bebés, define como “termo acuñado para designar unha modalidade de poesía pictográfica baseada na procura dun ritmo de lectura que axude a “educar o ollo e endulzar o oído” do pequeno lector”.
Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración en 1999, acompaña os textos a través de fermosas ilustracións que completan o despregamento musical desta proposta literaria.
INVENTARIO ilustrado DE FROITAS E VERDURAS
A continuación, a obra para comentar está dirixida a maiores de seis anos. No seu Inventario ilustrado de froitas e verduras, Faktoría K de Libros (selo editorial pertencente a Kalandraka), descóbrenos máis dun centenar de plantas comestibles, xa sexa polos seus froitos, legumes, tubérculos, bulbos… algúns deles exóticos, aínda que moitos deses nomes resultarannos moi familiares. Tamén fungos, algas e especias xunto a tés, cafés marmeladas ou chocolates. De todo iso resulta un catálogo botánico de alimentos saudables único, que inclúe (xenial idea!) aos insectos, mamíferos, paxaros.. que conviven xunto a esas plantas no seu medio natural.
Esta obra está escrita por Virginie Aladjidi e ilustrada (á tinta e acuarela) por Emmanuelle Tchoukriel, baixo a supervisión científica da doutora enxeñeira agrónoma Paule Lacroix. Seguro que vos sonan doutros inventarios ilustrados desta colección, algúns deles xa comentados no blog, como Inventario ilustrado de flores e Inventario ilustrado das árbores ou Belezas da natureza.
Grazas a Inventario ilustrado de froitas e verduras e Froitas, a merenda serviu para alimentar o noso coñecemento ademais dos nosos corpos.
Bo proveito!
NOTA:
Podedes atopar estes libros na web de kalandraka e en varios idiomas: castelán, galego, euskera e catalán. O Inventario ilustrado de froitas e verduras está traducido tamén ao portugués.
POST PATROCINADO