Ás veces, sorpréndome mirando as pingas de chuvia
sobre a partitura do tendal.
Notas que se van, notas dunha música antiga e preciosa (…).

 

 

Parece unha formiga, editada por Kalandraka (Factoría K – Rizomas), é un poemario ilustrado nada común. Pablo Otero, o seu autor, mergúllanos a través dos seus poemas e ilustracións en situacións que, nacendo no cotián, derivan cara a “lugares” inesperados.  Cada nova lectura dos seus versos arroxa multitude de matices aos tránsitos que provoca. O punto de entrada é unha simple formiga (un insecto tan familiar como complexo). Onde atopariamos un portal á fantasía máis sorprendente? Xa o dicía Deleuze, nunha cita que atopamos na mesma contraportada do libro:  “Nunca se remata coas formigas, pois forman un rizoma animal que, aínda que o seu maior parte poida ser destruída, xamais deixa de reconstruírse”.

Unha formiga pode ser unha mancha, unha pegada, restos dunha festa… E a partir de aquí que cada un chegue onde queira ou poida (segundo a súa imaxinación) chegar. Este libro é un xogo que se pode practicar sen límite de idade e en calquera momento. Basta con pararse a ler e deixarse levar…

 

Non perdades a oportunidade de incorporar Parece unha formiga ás vosas lecturas de verán.

Espero que o vídeo que vos deixamos a continuación funcione como unha recensión tan atípica como o libro ao que se refire.

 

 

A encadernación, por certo, inmellorable e moi acorde co que se atopa no seu interior.

 

 

A TER EN CONTA:

O libro está dispoñible na páxina web de Kalandraka en galego e castelán.

Idade recomendada: lectores xuvenís e adultos.

 

Engadir comentario