A camelia é un dos arbustos ornamentais máis abundantes en Galicia e, sen lugar a dúbida, un dos máis apreciados polos afeccionados á xardinería. Sexa en xardíns históricos, en distintos espazos públicos das nosas cidades (prazas, alamedas …) ou en xardíns privados de maior ou menor relevancia, a flor da camelia esténdese amplamente pola nosa comunidade, matizando coas súas cores os meses de outono e inverno.

Na actualidade, a camelia consolidouse ademais coma un reclamo turístico fundamental para Galicia (en boa medida, grazas á Ruta da Camelia, da que vos falaremos en breve), pero tamén coma un obxecto de estudo e investigación, o que diversificou os innumerables beneficios que dela obtemos.

Por estes e outros moitos motivos escollemos a camelia coma o tema central da nosa web durante o mes de marzo, e farémolo comezando cun pequeno artigo que nos axude a coñecer mellor este arbusto que nos resulta tan familiar.

¿De onde procede a camelia?

A camelia (do latín camellia, nomeada por Linneo en honra a G.J Kamel) é un arbusto orixinario de Asia oriental, das rexións subtropicais de China, Xapón, Indochina e as illas próximas, en bosques de clima temperado.

Créese que foi introducida en occidente por navegantes, comerciantes e misioneiros europeos, probablemente portugueses ou españois, entre os séculos XVI e XVII.

En Galicia, a camelia chegou a través de familias nobres que posuían xardíns nos seus pazos. Estas adquirían a planta directamente dende Xapón ou dende algúns viveiros de Europa. Un exemplo imprescindible é o do viveiro portugués de José Marques Loureiro, que contribuíu enormemente á expansión da camelia pola nosa comunidade. Dende a súa inauguración, en 1849, este viveiro abasteceu de maneira directa ou indirecta (a través da Escola de Agricultura A Caeira, fundada en 1873) a moitos dos xardíns que hoxe pertencen á Ruta da Camelia, como por exemplo os de Quiñones de León, Rubiáns o Lourizán.

Curiosamente, algúns de estes exemplares que no seu momento pertenceron ao viveiro de Marques Loureiro, atópanse aínda hoxe nos nosos xardíns: o Pazo de Oca posúe un exemplar de camelia que pode ser considerada como a máis antiga de Europa,  Camellia reticulata ‘Captain Rawes’, que alcanza os 12 m de altura (mentres que esta especie apenas chega a alcanzar os 8m) e está recollido no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

Xa no S. XX, a camelia comeza a non ser exclusiva da xardinería “pacega” de Galicia, o seu emprego esténdese considerablemente. Influíu nesto, claro, a inmellorable adaptación ao noso clima que demostra.

En calquera caso, é indubidable que o número de afeccionados e produtores desta planta multiplicouse co paso dos anos, tanto que se fixo necesaria a creación da Sociedade Española da Camelia, un factor decisivo no éxito actual deste produto en Galicia.

Na actualidade

En Galicia é posible atopar catro especies principais de camelia: Camellia Japonica, Camellia reticulata, Camellia sasanqua e Camellia sinensis, ademáis de distintos híbridos (resultado do cruzamento de dúas especies), variegacións (prodúcese unha alteración na cor ou forma da flor de maneira espontánea) ou sports (voluntariamente se propaga unha modificación da planta que nun principio sucedeu de maneira natural).

Somos dos maiores produtores europeos de camelia. Dende os nosos viveiros véndese este arbusto a gran parte de Europa. Pero temos de aclarar que tanto o seu emprego actual coma a súa comercialización non só se concentran na súa función ornamental. Moitas das súa especies están sendo estudadas para a produción de:

  • Aceites (Camellia oleífera), enfocados para o seu emprego en cosmética ou cociña.
  • Té (Camellia sinensis).

 

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro de investigación agrario e forestal dependente da Deputación de Pontevedra, está levando a cabo importantes investigacións a este respecto.

[rule type=”basic”]

NOTA: A información que aquí vos ofrecemos está baseada nos documentos que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Sociedade da Camelia mostran nas súas respectivas páxinas web. Se desexades ampliar información sobre todo isto:

http://www.cameliagalicia.com/japonica.html

http://www.efa-dip.org/es/secciones/Camelia/index.htm

 

Engadir comentario