Existen moitas variedades de xasmín, algunhas derivadas do xasmín común e outras que nos lembran a esta especie pero que proceden de familias ben distintas. Hoxe gustaríame falarvos de tres tipos de xasmíns, dous deles “falsos”, que aínda sendo moi comúns nos nosos xardíns, non sempre resulta sinxelo distinguir as súas características principais: Jasminum officinale, Trachelospermum jasminoides e Solanum jasminoides. 

Estas tres plantas trepadoras son perennes (aínda que segundo a climatoloxía poden chegar a perder a folla) e de flor branca. Ademais, teñen preferencia por localizacións de sol e semisombra. En canto ás súas diferenzas:

 

Jasminum officinale

O xasmín branco ou común é orixinario de Asia  central e pertence á familia das oleáceas. As súas flores, de cor branca puro, son moi pequenas, duns 2 cm de diámetro, reunidas en pequenos ramalletes subterminales e emiten un agradable aroma. Florece a finais de primavera e a finais de outono. Dos seus talos ramificados nacen follas compostas, de 5 a 10 foliolos, lanceoladas e de bordo enteiro.

Medra de maneira desordenada ata unha altura aproximada de seis metros.

 

 

Trachelospermum jasminoides

Tal e como o seu nome desvela (jasminoides), esta planta ten moitas similitudes co xasmín, de feito coñéceselle tamén como falso xasmín, xasmín de leite, de estrela ou chinés. Procede de China e Xapón e pertence á familia Apocynaceae. 

Os seus talos son leñosos e retortos. Os brotes novos son dunha cor verde clara brillante que se vai escurecendo co tempo. As súas follas son oval- lanceoladas, coriáceas, opostas e  de 10 cm de longo. A partir da primavera xorden ramalletes de flores brancas, estreladas en forma de hélice, cos pétalos curvados, perfumadas (aínda que non tanto como o xasmín), de 1 a 3 cm de tamaño e de 5 pétalos, agrupadas en cimas terminais. A súa floración é continua e alóngase ata o outono. 

Aínda que se trata dunha trepadora resistente, durante os primeiros anos o seu crecemento lento e aféctanlle as baixas temperaturas (as súas follas toman unha cor avermellada co frío). A medida que madura vaise fortalecendo. Medra de forma arbustiva e ordenada ata mesmo os 10 m de altura.

 

 

 

Solanum jasminoides

A terceira das nosas trepadoras é tamén un falso xasmín, coñecido como  flor de sandiego. É unha enredadera orixinaria de Sudamérica e da familia Solanaceae (comparte familia con especies tan comúns para nós como a pataca, a berenxena, o tomate ou o pemento). As súas flores son de cor branca leitosa, agrupadas en acios e caracterizadas por unhas anteras moi desenvolvidas de cor amarela. Florece ao longo de todo o ano pero, iso si, sen o aroma característico do xasmín.

As súas follas son dun verde máis escuro que o xasmín, ovaladas e de bordo enteiro.

Do mesmo xeito que o xasmín común, é vigorosa, medra de forma desordenada e rapidamente, alcanzando os 6 metros de altura e soportando temperaturas baixas (sen son moi frías pode chegar a perder a folla).

 

 

Como conclusión, amosámosvos detalles das flores e follas dos tres xasmíns que vos acabamos de comentar (seguindo a mesma orde do texto):

 

 

 

 

 

NOTA: As ramiñas da foto da portada pertencen a un xasmín común.

 

 

Engadir comentario