Pazo da Saleta, un “wild garden” en Galicia
O xardín da Saleta é un espacio que se descubre paulatinamente, dada a súa naturalidade e integración no entorno, onde o visitante xoga a percorrer os seus límites entre a natureza que o rodea: un auténtico xardín silvestre.
A súa orixe remóntase ao ano 1968, no que un matrimonio inglés, Margaret e Robert Gimson, comezan a transformar o que ata ese momento era un terreo de cultivo en desuso.
Tomando como base un deseño da paisaxista Brenda Colvin, dispuxeron o terreo en terrazas e introduciron especies foráneas de climas similares ao das Rías Baixas, convertíndoo co paso dos anos nun xardín botánico. As novas plantas e as súas sementes procedían de diferentes coleccionistas, doutros xardíns botánicos, das súas viaxes, da súa casa en Inglaterra…
Robert clasificaba e etiquetaba as especies segundo a súa procedencia ou tipo. Anotaba todos aqueles datos relevantes para cada especie ou variedade, mentres sorteaba os problemas ocasionais que este tipo de xardín acarreaba.
Finalmente, Gimson comezou a interesarse de forma particular polas camelias, debido a que esta planta se adaptaba magníficamente ao terreo. Ese é un dos principais motivos polos que a presencia da camelia cobrou unha importancia determinante no xardín.
Tras varias décadas, e xa fallecido Robert, a súa viúva intentou que institucións publicas se fixesen cargo do recinto, pero o escaso éxito desta iniciativa provocou a venda final da propiedade. Esa é a causa principal de que hoxe en día o terreo se atope dividido en catro zonas, das cales é visitable soamente aquela na que se atopa a parte máis grande do xardín.
As súas propietarias actuais, Blanca e Silvia, emprenderon un loable empeño por recuperar as gracias, as motivacións e o deseño orixinal dun dos xardíns con máis encanto de Galicia. A esa vontade debemos tamén o poder desfrutar deste xardín botánico en medio do rural galego, da súa zona boscosa repleta de camelias, rododendros e azaleas. Unha mistura de especies de diversas procedencias, formas, texturas e cores que crean unha única paisaxe armoniosa co entorno.
Podedes atopar máis fotografías e información práctica para as vosas visitas ao xardín no seguinte enlace: https://galiciangarden.com/gl/item/pazo-da-saleta/