Non é a primeira vez que o poño en práctica, de feito é unha rutina que me axuda a relaxarme e a cargar as pilas: 15 minutos ao día de Vitamina N (como mínimo) cura todos os males. Comparto aquí algunhas ideas -para facer individualmente ou en familia- que oxalá vos sirvan tanto como a min para soportar os momentos de baixón de moral, especialmente durante estes días.

 

Observación

Desde a xanela, desde o patio traseiro de casa, desde o balcón, ou para os que teñen máis sorte, desde o xardín, podemos converternos en observadores da paisaxe, deténdonos naqueles detalles da natureza que quizais, noutro momento, pasarían inadvertidos para nós:  as nubes, as herbas que medran entre as tellas da casa do veciño, as plantas dos alfeizares do edificio, os paxaros… Descubriremos outro tipo de biodiversidade, esa que nos é máis próxima e coa que convivimos a diario.

 

 

 

Mirade ao voso arredor, explorade (aínda que só coa vista)  os espazos que criades coñecidos. E se vos véis máis animados, podedes ir un pouco máis aló: acompañade estas observacións con debuxos, escritos de diarios ou mesmo fotografías. Facede un test de biodiversidade (un inventario de plantas, insectos, aves… axudados ou non por unha boa guía) ou cartografiade as especies vexetais da casa e as da veciñanza.

Comprobaremos que a vida segue o seu curso aínda que nós esteamos parados (e precisamente grazas a iso, algúns espazos das nosas cidades reverdecen como nunca).

 

.

AXARDINAR

Pulverizar, fertilizar, eliminar as partes secas, limpar o po das súas follas… en definitiva, axardinar. Por exemplo, hoxe mesmo repasei as miñas orquídeas en busca de novas flores e comprobei que a terra das miñas plantas de interior está no seu estado óptimo de humidade (reguei as que o necesitaban). Unha acción moi simple pero eficaz.

 

 

 

E non só ser constantes no mantemento das nosas plantas,  tamén podemos arriscarnos con experimentos de xerminación de todo todo tipo de sementes e en recipientes improvisados como botes de cristal reciclados ou envases de iogur. Moitas das nosas plantas reprodúcense moi facilmente, por que non probar? Nós xa o fixemos coa sansevieria, o potus, a cinta ou a costela de Adán.

 

 

Se sodes dos que xa poñedes en práctica estes consellos, anímovos a continuar. A aqueles que aínda non probastes, unha vez que empecedes non poderedes parar.

 

Nota:

Algunhas destas ideas podedes atopalas nun libro que xa recomendamos na nosa web: Vitamina N.Guía esencial para unha vida rica en natureza.

 

Engadir comentario