É sabido que moitos xardineiros falan ás súas plantas para que estas crezan con máis vigor. Dentro desa interacción tan particular entre os seres humanos e o mundo vexetal debería existir unha categoría especial que recolla propostas como a que imos comentar neste post, música que soa “para o deleite das plantas” (da relación inversa, a música que as plantas ofrecen ás persoas, xa vos falamos aquí hai un tempo).
O pasado 22 de xuño foi emitido por streaming o Concerto para o bioceno, unha iniciativa do artista Eugenio Ampudia, o Gran Teatre del Liceu de Barcelona, a Galería Max Estrella e que foi comisariada por Blanca de la Torre.
Neste concerto inusual escoitouse a obra Crisantemi de Puccini, interpretado polo cuarteto de corda UceLi Quartet. Lembremos que esta peza foi composta en 1890 en honra a Amadeo de Saboya (segundo fillo do rei Víctor Manuel II). O seu falecemento causou unha gran conmoción en Puccini, quen compuxo o cuarteto nunha soa noite. O nome de Crisantemi, débese a que estas plantas, os crisantemos, están profundamente ligados aos ritos funerarios. Unha peza con nome de planta, por tanto, para plantas, pois a performance contou cun público particular, corenta especies vexetais representadas por 2.292 plantas procedentes de varios viveiros da contorna de Barcelona. E non só para elas, senón tamén para as plantas das nosas casas (de aí o streaming).
O proxecto xorde, segundo o artista que o concibiu, da observación da natureza durante o confinamento: “Vía como as plantas medraban ao meu redor e pensei que se cadra me podía relacionar doutra maneira coa xente, coas persoas e tamén co resto de seres vivos. E cando se me expuxo o Liceu, pensei en deixalas entrar como malas herbas e colonizar o teatro, convertelo en algo vivo mesmo cando non hai persoas”.
A verdade, sería marabillosa esa última opción da conquista dun espazo como o Liceu de Barcelona por parte das plantas, case ao modo dun lenzo de Hubert Robert (del falámosvos hai uns días no post titulado #polanatureza).
A finalidade de Ampudia non era outra que facernos reflexionar sobre a nosa relación coa natureza, tentando situar ao mundo vexetal nun plano de igualdade cos seres humanos. Quen sabe se o autor puido alcanzar este ambicioso obxectivo, pero o que si é seguro é que as imaxes do resultado son moi conmovedoras e desde logo que convidan a reflexionar sobre a ecoloxía e o que estamos a facer co noso planeta.
Para culminar o acto, as plantas foron entregadas a distintos profesionais sanitarios do Hospital Clínic de Barcelona. Haberá que preguntarlles aos seus novos propietarios se, tempo despois, as súas plantas reclámanlles algunha outra obra de Puccini.
Fonte: La Vanguardia.