Neste post describímosvos o proxecto de recuperación dun patio interior, de estilo oriental, que deseña e executa Proyecta Paisaje para os escolares do CPI Terras de Maside. As indicacións que seguen facilitáronnolas Juan e Aricia, os paisaxistas que compoñen este estudo de xardinería ourensán, xunto a algunhas imaxes e planos que ilustran perfectamente o antes, durante e o despois deste espazo axardinado:

 

ANTECEDENTES

O presente proxecto desenvólvese no Centro Escolar CPI Terras de Maside, situado no concello de Maside, provincia de Ourense. No ano 2018, o Director do Centro Escolar contacta co noso estudo para encargar un proxecto de recuperación dun patio interior, que carece de uso, e que á vez ten moito potencial.  Este espazo estratéxico sobre o que se erixe a edificación, é un punto de especial interese dentro do centro, xa que está rodeado de xanelas, con moitos puntos de visión (conserxería, despacho de profesores, corredores e aulas), desde a planta baixa e desde a planta alta.

 

SITUACIÓN ACTUAL

Despóis de realizar un estudo da situación actual deste pequeno patio, obsérvase un espazo con falta de cor e sen ningún interese. Como elementos construtivos, podemos atopar dúas fontes de pedra en situadas en dúas esquinas, sen uso e desconectadas da toma de auga, así como múltiples macetas de plástico colocadas polo perímetro, con plantas nun estado moi deficiente. Ademais, atopamos un espazo con grava miúda branca, e con numerosa vexetación espontánea. No punto central existía unha Hydrangea macrophylla ( hortensia) dun tamaño considerable, que levou a un viveiro para recuperala, xa que o seu estado de conservación non era bo. Debaixo da grava miúda atopamos unha soleira de formigón, e un punto de acometida de auga nunha esquina do patio. O patio ten en planta de de 6 x 8 m, é dicir, 48 m2.

 

 

DESEÑO

Tendo en conta os condicionantes marcados polo promotor (estilo oriental, acoller 25 alumnos para clases ao aire libre, atractivo desde exterior, empregar hortensia existente, fácil mantemento), así como outros condicionantes (climáticos, localización patio, soleira existente) e as posibilidades que presenta este patio interior, preséntanse tres propostas iniciais, elixindo o director do centro a proposta 2, que é sobre a que continuamos traballando.

 

 

Créase un espazo configurado por unhas xardineiras executadas en obra mediante travesas ecolóxicas de madeira, de sección 20×10 cm, tratadas en autoclave e protexidas cun lasur. Estas xardineiras estarán configuradas en dúas alturas, 40 cm e 20 cm, o que permite xogar coa escala vertical neste pequeno xardín. As xardineiras exponse cunha trazado diagonal ás liñas que configuran o perímetro do patio. As xardineiras elevadas encheranse cun leito de 5 cm de grava miúda e o resto de substrato enriquecido para plantas. O recheo final das xardineiras será cortiza de piñeiro. Como elementos decorativos, colocaranse canas de bambú ornamental salpicadas polas xardineiras, vernizadas cun aceite de teca. Este elemento acentúa o estilo oriental, e fai un bo acompañamento da cortiza e do sebe de bambú.
Entre as xardineiras, exponse a colocación dunha grava miúda de cor de pequenas dimensións, salpicadas con pasos de lousa negra, de forma rectangular para marcar a entrada ao patio e a circulación principal, e de forma cadrada para marcar os puntos onde sentarán os alumnos. Para facilitar o tránsito dos usuarios sobre a grava miúda, colocarase sobre unha placa estabilizadora de gravas.
O xardín leva unha instalación de rega automática mediante liñas de tubaxe de goteo integrado, controladas por un programador de batería aloxado nunha arqueta. A instalación irá oculta debaixo da cortiza.

 

 

 

Para embelecer máis este espazo, proponse a colocación dunha fonte, creando un punto de interese dentro do xardín, á vez que resulta moi agradable estar en silencio neste patio e escoitar o son da auga. Acompáñase con canto rodado de río de pequenas dimensións e con fentos variados, adaptados a condicións húmidas e sombrías.

 

En canto ao material vexetal, todas as plantas adquiríronse en viveiros galegos e elixíronse atendendo á composición do substrato de recheo das xardineiras, e ás condicións climáticas deste espazo (necesidades de auga medias, semisombra, resistencia a temperaturas baixas, etc.) Exponse o bordo das xardineiras que limita coa parede do recinto cun bambú non invasivo de porte pequeno (<1 m), representado por Pleioblastus pumilus ” Variegatus”; os bambús empréganse con frecuencia nos xardíns de estilo oriental. Como elemento principal do deseño, sitúase a hortensia que existía no Colexio e que adquire un forte protagonismo, ao ser o punto visual principal que podes ver ao entrar no patio (para destacar máis este elemento, colócase na base árido de albero salpicado con pedra de rocalla). Como dous elementos “escultóricos” que acompañan na entrada a este recinto, e que enmarcan a vista da hortensia, sitúanse dúas cultivares de arces xaponeses ( Acer palmatum), especie ben adaptada ás condicións deste espazo que destaca a beleza das súas follas, con fortes contrastes estacionais (para destacar a presenza destes arces, colócase na súa base birlo de mármore branco). Outras plantas presentes no patio son : Gardenia jasminoides (colocadas preto da entrada e que non só lucirá coas súas belas flores brancas, se non que achegará un aroma moi apreciado), bambú sacro (Nandina domestica) arbusto perenne de marcada presenza no xardín pola colocación estacional das follas, varias azaleas (Rhododendron sp.) que achegarán un matiz de cor entre finais de inverno e principios de primavera, diferentes cultivares de Hosta sp. que destaca polas súas follas, Liriope muscari que é unha planta vivaz de folla fina e bonita floración violeta e Vinca major ” Variegata” que é unha planta herbácea tapizante de bonita floración.

 

 

Para finalizar, queremos comentar que creamos este espazo co obxectivo de acompañar o día a día da formación dos escolares de Maside, no que a xardinería e as plantas formarán parte do seu desenvolvemento persoal e educativo.

 

 

 

Máis información sobre Proyecta Paisaje en http://www.proyectapaisaje.com/ 

 

 

 

Engadir comentario