Quen estea familiarizado co apego do galego a súa horta saberá recoñecer a importancia real do xardín doméstico nesta comunidade. A nosa querenza pola horta nos leva incluso a encher as despensas dos nosos achegados cos produtos daquela que somos incapaces de consumir, isto demostra que o interese non é en absoluto simplemente produtivo. O verdadeiro cultivador galego goza en realidade con tan so ver medrar os seus froitos e hortalizas ao igual que o xardineiro o fai coas súas plantas: ambos son, de feito, a mesma cousa.

E_DSC09544

O xardín orixinal naceu coa función de satisfacer unha necesidade primaria: alimentarse. Comezouse por cercar un anaco de terra e así protexer da natureza “salvaxe” e dos animais aquilo que cultivarían no seu interior (recordemos como ese acto é relatado por Daniel Defoe na súa novela Robinson Crusoe), logo unha horta é un xardín elemental.

Cando non se trata dunha necesidade urxente, vital, o traballo do “xardineiro” é todavía  exixente pero ao mesmo tempo produce diversión e nos abstrae de preocupacións mundanas. A recompensa final chega cando leitugas, tomates, pementos, cabaciños… comezan a salpicar coas súas cores o lenzo que con antelación abocetou o horticultor coas súas ferramentas e as súas sementes.

Puerros

Non falta tampouco a auga, elemento indispensable nun xardín: regos que se ramifican polo terreo, (contrariamente ao que ocorre cando multitude de afluentes morren na corrente principal dun río maior) por entre os cultivos ou aspersores rudimentarios que salpican auga en ocasións “sen ton nin son”. Porque os nosos “xardineiros” son ademais grandes “escultores” ou “inventores”. Dispoñen elementos de todo tipo entre os seus vexetais, as veces con unha función dubidosa e máis ben decorativa ao reciclar ferros, plásticos, cds, cintas adhesivas… Poderíamos falar incluso da súa divertida indumentaria, tamén de reciclaxes varios, que é idónea para o seu traballo e que case parece un atavío folclórico- postmodernista.

la foto (10)

Un xardín doméstico no que o xardineiro se encerra no seu interior, aíllase e concéntrase, traballando o detalle, sacando unha por unha as pequenas herbas, tratando de chegar á minúscula perfección á que aspira (el marca o tipo de perfección que outros considerarían quizais como absurda). Algo ten de estraño encaixe de Camariñas (non podo eu tamén deixar de poñerme folclórica).

E_huertaeco

Con formas cadradas, rectangulares, cercados con distintos materiais, cheos de diferentes cultivos, próximos ao mar ou á montaña… Galicia enriquécese dunha forte tradición “xardineira”, que tendemos demasiado a miúdo a menosprezar baixo a idea errónea de que  un xardín de flores é máis contemporáneo que unha horta.

E_DSC09540

Engadir comentario