.
Hoxe vouvos falar da segunda entrega de Calpurnia Tate, O Curioso mundo de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly, editada en lingua galega pola editorial Kalandraka.
.
O libro, que comeza no punto en que terminaba a anterior entrega (“A evolución de Calpurnia Tate”), cínguese á liña argumental xa desenvolta no primeiro volume; de feito, e dunha maneira sutil, a autora bríndanos  distintos matices da historia previa, case a modo de resumo, ao comezo desta segunda parte.  Atopámonos, entón, nun novo relato do que, con todo, xa participamos: a reafirmación de Callie Vee por seguir a vocación do seu avó, o Capitán Walter Tate, e en continuar os seus estudos científicos. Estes estudos, que Callie inicia co seu avó no laboratorio da casa, van tomando maior complexidade, incorporando agora observacións máis profundas, experimentos máis sofisticados e mesmo diseccións de animais. Precisamente, unha desas observacións vai ser clave no desenvolvemento dun acontecemento sobre o que toma impulso a tensión narrativa ou a intriga á historia. Callie Vee fíxase nunha estraña ave que identificará xunto ao seu avó como unha “gaivota alegre”, tal e como a definen os propios personaxes. Por tratarse dun ave de costa, moi afastada ao seu pobo,  Caldwell, o ave vén ser interpretada polo avó como un sinal de advertencia: anuncia a chegada dun forte temporal que finalmente, afectará gravemente á illa de Galveston, onde viven os tíos e curmá da nena. Esta é, por certo, unha referencia histórica real, pois o furacán arrasou a cidade en 1900.
.
Este feito marca, de maneira significativa, a chegada de dous novos personaxes á vida de Calpurnia e da súa familia. Trátase da súa curmá Aggie (un personaxe que, como o lector comprobará, dinamiza coa súa aparición a fluidez da historia) e o Dr. Pritzker, veterinario que mostra a Callie unha profesión que a nena descubrirá como ideal ao que aferrarse. Isto a pesar, unha vez máis, da oposición familiar fronte ao empeño de Callie. Doutra banda, o seu irmán Travis toma agora protagonismo ao comezar a compartir o interese da súa irmá polos animais. Aínda que, o contacto e a relación de Travis cos animais prodúcese dunha maneira moito máis emocional, ou emotiva, que no caso de Callie. Sexa como fora, Travis vive con ela, nesta segunda entrega do libro, non poucas aventuras; por iso é polo que agora tamén a silueta (tan ao Lotte Reiniger) do irmán, acompañe á da nosa protagonista na portada do libro.
.
.
.
.
Outro dos sutís matices que Jacqueline Kelly introduce no libro, é o feito de que cada capítulo de O Curioso mundo de Calpurnia Tate comece cun fragmento de A viaxe do Beagle, escrito en 1839 por Charles Darwin. Como seguramente todos lembrades, era A orixe das especies, tamén de Darwin, a obra que Kelly citaba como preámbulo a cada capítulo no primeiro volume. Unha das razóns desta variación quizais se atope (aínda que isto só sexa unha fabulación persoal) en que ao tratarse dun diario, estoutra obra de Darwin achega un matiz máis íntimo ás apreciacións científicas, un feito que iría da man con esa outra forma, máis emotiva, con que Travis colorea a vocación científica da súa irmá.
.
Sexa por estas razóns ou non, percibín neste segundo encontro coa pequena Calpurnia unha especie de axitación na narración dos seus episodios que, creo persoalmente, beneficia á evolución da mesma… e inevitablemente, ás dúas partes desta obra de Jacqueline Kelly no seu conxunto.
.
En fin, non deixedes pasar esta oportunidade de completar a inmersión no universo de Calpurnia Tate.
.
.
.
A TER EN CONTA:
.
.
Idade recomendada: lectores xuvenís e adultos.
.
Tradución ao galego: Carlos Acevedo.
.
.

 

Engadir comentario