Light Year (2008) ou Ljusår (en sueco, o seu idioma orixinal), é un documental de Mikael Kristersson filmado ao longo de máis dunha década e nunha única localización: o seu xardín de Falsterbo, ao sur de Suecia.

Descubrimos este documental na II Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña, no ano 2009. O filme foi finalmente premiado, naquel certame, de maneira conxunta coa estadounidense Naturally Obsessed de Richard e Carole Rifkind.

 

 

Dun modo xenérico, poderiamos dicir que esta película pertence a unha liña de creación documental baseada na contemplación dilatada dun espazo, coa finalidade de que esta atención minuciosa vaia ofrecendo unha serie de froitos “argumentais” que posteriormente os autores rescatan e articulan durante o proceso de montaxe. A esta característica, habemos de engadir o feito de que non se trata dun documental convencional cunha voz en off que oriente ao espectador, senón que as imaxes e sons recolleitos polo cineasta neste pequeno espazo natural son os únicos elementos que constrúen o seu relato.

 

 

En Light Year permítesenos explorar o xardín de Kristersson en detalle, desde diferentes recunchos, en distintas épocas do ano (a través dun percorrido cíclico, pois comeza e termina nun precioso día nevado), e a través das circunstancias de cada pequeno ser que o habita (ou visita): unha parella de merlos, un carboeiro, galiñas, o gato, os nenos, os veciños, unha araña, unha familia de ourizos… Nesta obra atopamos un claro exemplo de como un pequeno xardín doméstico é capaz de concentrar unha cantidade tan asombrosa de vida, cos seus respectivos ritmos cotiáns (que aquí podemos non só ver, senón tamén escoitar) e a súa interacción coa contorna próxima e afastada.

 

Penso, a este respecto, na importante función dos xardíns -especialmente nas cidades- como corredores ecolóxicos ou “autoestradas verdes”, permitindo no seu conxunto a libre circulación (e non só) de distintos tipos de fauna e flora silvestre. A riqueza deste xardín que filma Mikael Kristersson, en canto a vexetación (a mestura de especies -e estratos- que orixinan ese fermoso aspecto asilvestrado) convérteo no escenario idóneo para observar ese extraordinario tránsito natural que se nos mostra, así como as “pausas” daqueles que o elixen como fogar, xa sexa temporal ou permanentemente.

 

 

A sinopse da película descríbenos así o xardín:

O corazón da película é a soleada horta. Cara á rúa, no oeste, hai densos arbustos de lilas; no lado norte, unha casa de madeira; unha matogueira de frambuesas serve como fronteira co veciño do sur e unha exuberante madreselva medra na cerca do parque no leste. Hai casetas de xardín exteriores, un galiñeiro, unha parede de ladrillos -na esquina para o compost- e un xardín de aromáticas. O inmenso espiño vive de xeito conxunto coa vella e retorta maceira. Hai unha multitude de paxaros en todos os momentos do ano, os residentes, os casuais e os migratorios.

 

 

Deixámosvos outra ligazón pertencente ao International Documentary Festival Amsterdam (link aquí), onde se realiza unha performance na que se acompaña, con música en directo, ás imaxes do documental. No video podedes ver a película ao completo, aínda que en segundo plano.

 

Sobre outros filmes relacionados coa natureza e o xardín, podedes botar unha ollada á nosa categoría chamada O lugar apropiado.

Sobre xardíns e biodiversidade picade aquí.

Tamén pode que vos interese: Irish Sky Garden, de James Turrell: El jardín como medio para observar el cielo.

 

 

Engadir comentario