EDUCACIÓN: Coñecemos as árbores do noso entorno xogando coa baralla “Árbores na Galiza”
Fai xa algún tempo chegou as nosas mans un maravilloso agasallo, moi útil para que os nenos e non tan nenos da casa nos familiaricemos coas árbores galegas: a baralla “Árbores na Galiza” do colectivo A Semente.
Consta de 50 cartas que nos amosan as árbores representativas dos nosos bosques e xardíns, tanto autóctonas como alóctonas. Castiñeiro, aveleira, cerdeira, camelia, ginko, carballo anano do Pindo…son algunhas das especies que se inclúen.
Cada carta actúa a modo de ficha con información sobre a especie: altura, lonxevidade, densidade, uso ornamental, valor asociado e de biodiversidade, familia e, un dato curioso, os millóns de anos que leva no planeta. Dez datos cos que xogar, nos que as especies invasoras fan perder puntos.
Os debuxos principais, feitos polo biólogo Martín Souto aportannos unha idea sobre o porte e a folla, froito ou flor asociada a esa árbore.
Hoxe en día existe unha importante desconexión dos nenos co entorno natural que os rodea, o que ocasiona, entre outras cousas, un descoñecemento total das especies que o forman. De ahí a importancia de xogos coma este, onde aprendemos dunha maneira divertida, case sen darnos conta.
Recomendámosvos, sen dúbida, esta baralla, un proxecto que ademáis é autoxerido (como todos os das escolas Semente) e a súa venda reverte nos seus centros de ensino.