Se queredes gozar dunha mañá divertida e agradable con nenos non podedes deixar de visitar a finca de Briz en Marín.

Tiñamos escoitado falar en varias ocasións do Parque do Sentidos pero nunca nos animamos a visitalo ata a mañá deste domingo, e asegúrovos que volveremos en breve.

Sitúase no centro de Marín (Pontevedra). Alí chegamos sen problemas, basta seguir as indicacións que hai colocadas dende o porto.

Para que vos fagades unha lixeira idea do que podedes atopar neste lugar, direivos que existen varias zonas diferenciadas: unha que chamariamos “de aventuras”, un auditorio-anfiteatro ao aire libre, un lago artificial e, como o nome do parque ben indica, as terrazas dedicadas aos sentidos: para o oído, tambores, tubos de metal ou xilófonos; na zona dedicada ao sentido do gusto gozamos de distintas especies froiteiras como laranxeiras ou limoeiros; para o olfacto existe un espazo dedicado a plantas aromáticas como o xasmín, as gardenias ou o tomiño, preto da cal atopamos tamén os elementos de xogo destinados á vista. Por último, tampouco falta o tacto, a través de pavimentos con distintas texturas.

Na leira hai tres edificacións: o “chalé principal” que nos recibe á entrada, a “casa adega” e a “casa dos caseiros”. Todas elas destinadas a distintas actividades e funcións que xestiona o Concello de Marín.

En todo momento do noso paseo e goce polo parque, acompañábanos o son da auga e o dos instrumentos cos que de cando en vez algún neno experimentaba (no espazo xa mencionado de tambores e xilófonos). Tamén retornaba, continuamente, a aparición de esculturas talladas en troncos de madeira, a través da suxestiva frondosidade que achegaban as súas especies vexetais.

De aí, cremos, provén esa sensación de estar a circular por un idílico lugar de xogo (que ocupa, por certo, a non despreciable superficie duns 23.000 m2), tan similar a como expoñen noutras cidades europeas (tales como Amsterdam ou Berlín) os parques infantís. Todos os elementos están moi ben integrados na contorna, sen delimitacións nin proteccións excesivas: os nenos poden ensuciarse, agatuñar, subir e baixar polos seus tobogáns e escaleiras, dar renda solta á súa imaxinación, coroar troncos cortados… algo que parece sinxelo pero ás veces difícil de atopar.

Tamén lles chamou moito a atención aos pequenos, o “Parafuso de Arquímedes”, inventado por aquel pensador no s.III a.C., e mediante o cal puideron comprobar con que facilidade a enxeñaría permite transportar a auga. Agora ben, a súa dedicación a ese enxeño non foi nada comparado coas súas interminables caídas a través do máis longo dos tobogáns que hai na zona de aventuras. Advertimos que será difícil para os pais por un punto e final ao xogo dos nenos nese lugar.

En definitiva, pasamos unha marabillosa mañá na que puidemos relaxarnos e gozar do xogo e a natureza en familia. Para quen queiran aproveitar a xornada para visitar outros espazos verdes, preto de alí atópase o Pazo de Lourizán ou os xardíns do centro da cidade de Pontevedra.

Podes botar unha ollada á galería de fotos que che traemos da nosa xornada na finca Briz, ¿gustouche a nosa experiencia? Cóntanos as túas!

Engadir comentario