Galicia posúe unhas condicións xeográficas, climáticas e edafolóxicas propicias para que os seus xardíns florezan dun modo tan espléndido. Por iso atopamos neles tal cantidade de especies vexetais, tanto autóctonas como foráneas. Bo exemplo destas últimas é a camelia, especie que hoxe dá nome ao percorrido jardinístico máis coñecido e mellor elaborado da nosa terra, a Ruta da camelia.

Os propios condicionantes históricos, xeográficos e sociolóxicos influíron no que hoxe é a nosa xardinaría, ademais de configurar o seu carácter. A consolidación dunha parte importante da mesma débese á súa vinculación á tipoloxía arquitectónica do pazo galego, outros están ligados á historia e evolución dunha cidade, a coleccións botánicas… Contamos con belos exemplos de xardíns históricos e contemporáneos, parques urbanos ou xardíns de autor. As dimensións e “contido” botánico de todos eles son tamén variados, o que contribúe a aumentar e enriquecer o valor do patrimonio natural galego.

Partindo da súa permanente vinculación coa horta, que historicamente deu pé ao xardín primitivo, podería o xardín galego evolucionar cara ao outro extremo? Tentade imaxinar un dos nosos parques naturais ou bosques coma se dun xardín tratásese. Non contribuiría isto a un achegamento humano desde o que respectásemos a esencia silvestre do xardín, a nosa flora e fauna?

Se o pensamos desta maneira e analizamos o conxunto non hai dúbida de que os espazos naturais de Galicia entretecen un inmenso xardín ao longo da comunidade.

O inmenso manto verde que cobre toda a xeografía de Galicia é o primeiro dos seus xardíns.

Engadir comentario