Un dos praceres indiscutibles que se gozan en calquera xardín é percorrelo con calma. Noutras ocasións falámosvos xa sobre iso. É unha das nosas actividades favoritas: os paseos pola natureza. Sei moi ben que compartimos con moitos de vós este goce do camiñar polos nosos xardíns, e conviredes comigo en que os paseos en época outonal son particularmente fermosos. O son das pisadas sobre as follas secas, os ocres e os seus matices cubríndoo todo, o murmurio do vento nas ramas…
Durante este mes, novembro, o outono alcanza o seu esplendor para dar paso xa á próxima estación. Entón, chegado o inverno, probablemente, diminuiremos a frecuencia destes paseos ao aire libre para volver a retomalos máis adiante (cando un tempo máis propicio o permita). Mentres tanto, gustaríanos que este “retoñar” da nosa web, que comeza desde xa a aparecer cunha nova “pel”, vos permita experimentar a paixón polos xardíns (galegos, sobre todo) desde casa e que a espera vos resulte máis levadeira.
Novembro inaugura unha nova ” galician garden” que vos iremos descubrindo a partir de hoxe mesmo.
Benvidos!