Como moitos xa comprobariades, estamos de volta, con web e imaxe renovadas. Iso si, o espírito de traballo, a ilusión e a paixón polos xardíns é a mesma que ao iniciar o noso camiño, fai xa tres anos. Os cambios permitíronnos facer de galician garden unha web máis accesible, onde ampliaremos os puntos de vista sobre o xardín e a xardinería: noticias de actualidade, artigos de opinión, entrevistas, deseño, botánica, decoración con plantas, actividades con nenos na natureza, literatura e arte…. Contidos aos que agora podedes acceder, de maneira sinxela, desde as cinco categorías principais que dispuxemos na páxina de inicio: xardíns, social, plantas, notas de campo, libros e nenos.
Por suposto, continuamos concedéndolle un lugar de relevancia á nosa guía de xardíns de Galicia. Aínda que cun deseño diferente, nela atoparedes a información práctica destes xardíns, imaxes, vídeos e un renovado mapa interactivo coa súa localización.
Ademais, alégranos anunciarvos dous novos proxectos dos que dispoñeredes de máis información en moi pouco tempo:
  • Os «xardíns do camiño», un espazo na nosa web dedicado ao estudo, á difusión e ao intercambio de experiencias relacionadas cos xardíns e espazos verdes do Camiño de Santiago. Este proxecto que forma parte do plan de dinamización do “Xacobeo 2021“.
  • Directorio de firmas, empresas e profesionais do xardín en Galicia. Unha proposta á que dedicamos moitos esforzos desde hai tempo e que pronto verá a luz. Se estades interesados en que o voso traballo teña eco na crecente comunidade de galician garden escribídenos a info@galiciangarden.com e informarémosvos dos pasos para seguir.

 

Agradecémosvos que seguísedes aí a pesar destes meses sen actividade pública na web. Estamos rematando de perfeccionar todos os apartados da mesma. De modo que desculpade sen nos próximos días o funcionamento habitual vese afectado dalgún modo.

Encantaríanos coñecer a vosa opinión sobre esta reestrea de galician garden… que vos parece o avance funcional e de imaxe que elaboramos? Tomaremos nota de todos os vosos comentarios.

 

Contamos convosco neste paso adiante que comeza xa.

 

Engadir comentario