Bechopoemas  e outras bestas é un poemario que presenta aos nenos a poesía como un xogo de ilustracións (Maite Mutuberria) e palabras ( Leire Bilbao). Un pequeno libro – editado por Kalandraka- divertido, cheo de frescura e tremendamente musical (en esencia a poesía é iso). Nel atopamos poemas con títulos tan suxestivos como o canto nocturno do grilo, como beber a chuvia, a resposta dos bicos, o jazz dos canos… fiados todos eles a través de “criaturas que habitan na terra, a auga ou o aire”. De feito, e seguindo esta idea, a autora agrupa os versos en  voadores, acuáticos, reptadores e ruxidores.

Este libro demostra verdadeiramente unha comprensión magnífica do que a poesía é. A constelación de materia que emprega (imaxes, tipografías, trazos, sons) brinda como resultado o escintileo continuo de ideas, sensacións e estrañas certezas… que nos revelan un mundo, o mundo. A poesía é tamén xogos incertos como estes. É tan indefinible e pura como este áxil tránsito entre a imaxe e as palabras.

E así, mentres imos pasando as páxinas de Bechopoemas e outras bestas, sen planealo, xorde o reto de cantar e recitar os versos. Un, moi apropiado para este outono chuvioso no que nos atopamos, é o que segue:

 

(…)

Que chaparrada de chuvia, que tremenda chaparrada,

os vermes saen dos agochos, xuntos coma unha armada!

Que chaparrada de chuvia, que tremenda chaparrada,

se segue a chover deste xeito, vas a parecer unha xarda!

Que chaparrada de chuvia, que tremenda chaparrada,

pecha o paraugas e ensínalles ás nubes a lingua mollada!

 

 

 

A TER EN CONTA:

O libro está dispoñible na páxina web de Kalandraka e en lingua castelá, galega e catalá.

Idade recomendada: a partir de 6 anos.

Tradución ao galego: Isaac Xubín.

A obra foi galardoada co Premio Euskadi de Literatura 2017.

 

 

Engadir comentario