Así como un alpinista desexa alcanzar a cima da montaña para premiar o seu esforzo, os turistas que visitamos a Ribeira Sacra buscamos, finalmente, asomarnos ao alto dalgunha das ladeiras do canón do Sil para premiar a nosa mirada ao contemplalo na súa amplitude. Nese momento creamos unha paisaxe, a imaxe xunto á emoción que nos transmite. A emoción é fundamental para crear esa paisaxe, polo tanto, as condicións ambientais que rodean ese punto estratéxico dende o que observamos condicionarán esa sensación (para ben ou para mal). Por iso creo que é importante que o “balcón” que exerce como miradoiro non interfira demasiado, cos seus materiais ou a súa disposición, na experiencia.
A Cividade
O da Cividade é un bo exemplo de miradoiro integrado na contorna. Proxéctase cara ao canón discretamente. Chegamos a el por un curto camiño peonil en curva, de forma que o aparcamento queda illado visualmente do miradoiro. Unha vez alí, ao asomarnos, a paisaxe envólvenos.
O miradoiro da Cividade foi construído sobre unha das beiras máis agrestes do canón do Sil, en Sober (provincia de Lugo). Desde alí podemos abarcar unhas amplas vistas do territorio. Estas características fixeron que o lugar fose escollido polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para levar a cabo unha experiencia de revalorización da paisaxe da Ribeira Sacra. O proxecto foi encargado á paisajista Isabel Aguirre (directora da Escola Galega da Paisaxe e autora, xunto a Álvaro Siza, do Parque de Bonaval), quen en 2007 deseñou a plataforma de aceiro corten con piso de madeira de piñeiro nórdico, que substituiría ao antigo miradoiro. A estrutura ten 30 metros de lonxitude, cunha anchura na parte frontal de 7 metros, que se eleva uns 4,5 metros desde o chan (e por centos de metros do río Sil). As tonalidades e materiais escolléronse para pasar desapercibido entre a roca da ladeira e encaixar así cos valores paisaxísticos e culturais da Ribeira Sacra.
Precisamente, a Ribeira Sacra foi catalogada como LIC (Lugar de Interese Comunitario), polo que o respecto a estes valores é crucial para a súa protección e conservación. Nas paredes verticais da garganta, na que existe unha variada vexetación de clima mediterráneo (que contrasta coa vexetación atlántica que o rodea), aniñan, por exemplo, aves rapaces fundamentais na biodiversidade da zona. Non é de estrañar, polo tanto, que Aguirre se preocupara por facilitar, co seu deseño, o goce dos elementos sonoros da paisaxe como o rumor do vento e das árbores, ou o canto dos paxaros. Ideas que reforzan, como anotamos ao principio, a experiencia da contemplación.
as vistas
Dende o miradoiro da Cividade podemos ver o último tramo do encoro de Santo Estebo. Tras el, a provincia de Ourense (o canón do río Sil serve de límite entre as provincias de Lugo e Ourense) cunha das estribacións da serra de Meda e a comarca de Terra de Caldelas. Dependendo da época do ano na que o visitemos, a paisaxe poderá verse aderezado cos fíos de auga formados por diversos regatos que descenden polas ladeiras para desembocar no Sil.
Un lugar idóneo, polo tanto, para deixarse levar polas vistas e para gozar de experiencias como a de observar alí unha posta de sol. Todo isto, se o medo ás alturas volo permite. Para quen padeza de vertixe, aconséllovos “vivir” o canón do Sil, por exemplo, un pouco máis abaixo, navegando no catamarán que percorre as súas augas.
No artigo Pasarela del Río Mao en la Ribeira Sacra: un paseo entre las nubes descubriredes outra localización máis que non vos podedes perder da Ribeira Sacra.
NOTA: A imaxe na que se aprecia o perfil do miradoiro pertence á web https://turismo.ribeirasacra.org