A terra ten moitas chaves.

Onde non está a melodía

está a descoñecida península.

A beleza é a realidade da natureza.

(Emily Dickinson)

 

Bellezas de la naturaleza é un catálogo ilustrado de carácter enciclopédico que reúne imaxes incluídas na serie Inventarios ilustrados, editados por Kalandraka. As súas autoras, Virginie Aladjidi e a ilustradora Emmanuelle Tchoukriel, mostran, a través de 457 láminas (acuarelas), un compendio de especies clasificadas en dezanove grupos: mamíferos, aves, anfibios, réptiles, peixes, insectos, arácnidos, crustáceos, moluscos, anélidos, equinodermos, cnidarios, poríferos, fungos e liques, árbores, palmeiras, brións e algas, flores, froitas e verduras.

Xunto a cada unha destas especies atopamos o seu nome común e científico, así como a clase á que pertencen ou ben unha pequena descrición con datos como a altura ou floración en plantas, idade máxima en árbores, tamaño e envergadura en aves… Un percorrido ilustrativo treméndamente útil que axuda a recoñecer e poñer nome á natureza máis próxima á nosa contorna, pero tamén á que nos resulta máis exótica.

 

Bellezas de la naturaleza é unha obra de gran atractivo práctico. Pero este non se concentra unicamente nas súas fermosas ilustracións ou no fácil manexo da información que ofrece, senón tamén noutros aspectos como o das reducidas dimensións da publicación, pensada a modo de pequeno manual que un pode levar na mochila. Nese mesmo sentido, cabe tamén destacar que o libro funciona como unha especie de vademécum visual de especies no que a procura da información vén ser guiada polas imaxes e non polos textos. Isto é algo comprensible, xa que existe a posibilidade de ampliar toda a información que sexa necesaria nos inventarios ilustrados (falámosvos xa na nosa web dos Inventarios ilustrados de árbores e flores) que serven a Bellezas de la naturaleza como referencia principal.

É este un libro recomendado para todos os públicos e, por suposto, para aqueles que disfrutamos de periódicos paseos porla natureza. Nel descubriredes un delicioso mostrario de vida. 

 

 

 

 

A TER EN CONTA:

O libro está dispoñible na páxina web de Kalandraka, en lingua castelá e portuguesa.

Idade recomendada: a partir de 6 anos.

Tradución ao castelán: Pedro Almeida.

A divulgadora Lucile Guittienne, do Museo Acuario de Nancy, e a bióloga Katia Astafieff, dos Xardíns Botánicos del Grand Nancy, colaboraron na revisión científica desta obra.

 

 

POST PATROCINADO

Engadir comentario