Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza
Non hai escusas para pospoñer o noso encontro coa natureza. Hoxe quero falarvos de Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza, un libro que nos ofrece múltiples propostas familiares, para todas as idades (e para todos os gustos) que nos animarán a interactuar co mundo natural.
O seu autor, o escritor e xornalista estadounidense Richard Louv, xa escribira, en Los últimos niños del bosque, sobre os efectos negativos na nosa saúde do chamado déficit de natureza. Pois ben, este trastorno podemos combatelo con Vitamina N (déixovos nesta ligazón unha entrevista a Richard Louv en El País )
.
O XARDÍN, a medio camiÑo
En Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza non son poucas as referencias que atopamos sobre o xardín e a xardinería. O capítulo 3, de feito, está dedicado á casa e o xardín. Comeza así:
“Quero protexer aos meus fillos dun perigoso descoñecemento de todo canto os sostén. Cando me axudan a cavar e sachar na horta (…) están aprendendo destrezas interesantes para vivir e manter a vida. Tamén observei que a eles lles gusta sentírense útiles. De feito, case todos os rapaces cos que teño traballado en proxectos de horticultura entusiásmanse coa plantación de sementes na terra, ata o punto de volvérense moi territoriais ” (Barbara Kinsolver)
Un pequeno xardín, terraza ou balcón pode ser o lugar idóneo para acampar, organizar un picnic, descubrir insectos ou xogar con paus. E se nos animamos a ir un pouco máis aló, por que non tentar que o noso recuncho verde de casa se converta nunha pequena reserva natural? O uso de especies ( leñosas e autóctonas) que atraian a vida silvestre, a construción de comederos para aves, bebedoiros para abellas, a incorporación de colmeas… Todo isto pode achegarnos aínda máis ao lado salvaxe da natureza.
Como ben di Michael Pollan, autor de “The omnivore’s dilemma”, o xardín suxírenos que quizais exista un lugar onde poidamos citarnos coa natureza a medio camiño. Esta idea defendémola dende os inicios de Galician Garden: axardinar é un primeiro paso extraordinario para comezar unha vida plena na natureza.
a modo de resumo
Unha das grandes virtudes de Vitamina N. Guía esencial para unha vida rica en natureza é que nos descobre o inmediatos que poden ser determinados xestos para alcanzar unha vida saudable. A obra non nos obriga a percorrer, por fortuna, un dificultoso labirinto de fórmulas e procesos complexos, senón que nos ofrece sempre solucións inmediatas e racionais. Tampouco nos esixe sacrificios máis aló dos que pode asumir calquera persoa comprometida cun benestar sustentable para todos.
Como peche a este breve repaso por unha obra imprescindible, e por se algún de vós aínda se resiste a descubrir este libro (ou pasar máis horas na -ou rodeados de- natureza), deixámosvos aquí a receita íntegra de Vitamina N coa que Loud comeza a introdución desta completísima guía:
INDICACIÓNS E POSOLOXÍA: Tomar a diario, ao aire libre e en espazos naturais. Pasear pola natureza, observar aves e árbores. Actuar respectando o medio natural en solitario ou coa compañía de amigos e familiares.
NÚMERO DE DOSES: Ilimitado.
CADUCIDADE: Nunca.
O beneficio deste tratamento, mellorar a saúde mental e psíquica, estimular a aprendizaxe, a creatividade e a sensación de estar completamente vivo.
A quen non lle apetece algo así?
A TER EN CONTA:
O libro está dispoñible na páxina web de Kalandraka, en lingua galega e castelá.
Idade recomendada: lectores xuvenís e adultos.
Tradución: Carlos Acevedo.
A edición deste libro está impresa en papel procedente de bosques e plantacións xestionados con estándares que garanten a explotación sostible dos recursos. As Lecturas ao Natural da colección Vitamina N cumpren así cos requisitos ambientais e sociais recollidos no proxecto «Libros amigos dos bosques».
POST PATROCINADO