Xardíns de colección

Xardíns de colección

Chega un novo tema mensual a galicianGarden: o coleccionismo nos xardíns. E puntualizamos, deterémonos en xardíns de colección dedicados, fundamentalmente, a un único tipo de planta (aínda que tamén poidan albergar outras). Deixamos os xardíns botánicos, coa súa variedade extensa de especies, para outra ocasión.

En primeiro lugar é oportuno preguntar:

¿qué diferenza hai entre coleccionar obxectos e coleccionar plantas?

O coleccionista de selos compra ou intercambia o obxecto que ansía. E máis aló de que o seu valor económico (o dese obxecto de colección) poida devaluarse ou incrementarse, tal obxecto non varía, en si mesmo, substancialmente. Coas plantas non ocorre o mesmo. Estas, coma seres vivos, nacen, medran e chegan a morrer. O coleccionista de plantas compra incluso sementes que (se todo transcorre como é debido) só ao final dan lugar ás plantas ansiadas da súa colección, establecendo así unha relación entre ambos máis intensa, se cabe, que noutro tipo de coleccións.

O espazo onde medra a colección

Por outro lado, o espazo que acolle a colección tamén debe ser diferente porque o obxecto coleccionado, a planta, interactúa co seu medio e cos outros seres vivos que o rodean, modificando o seu crecemento, a súa porte… segundo as condicións externas a el. A planta coleccionada tamén condiciona a súa vez o espazo que a acolle. Relacionado con esa zona na que ela vive, surxe tamén o asunto das “pretensións estéticas”O propietario da colección pode preocuparse ou non da disposición das plantas e de se estas conforman un espazo armónico, xa que quizáis o seu único interese sexa o de sumar exemplares. Agora ben, debemos ter en conta que se a vontade do coleccionista de plantas é a de crear un espazo estéticamente armonioso, a combinación case lle obriga a variar e ampliar o obxecto principal da súa colección.

A súa finalidade tamén é científica, e incluso educativa. Un coleccionista reproduce unha especie polo pracer de ver cómo se desenvolve, empregando invernadoiros, cámaras de cultivo….. Incluso pode chegar a simular as condicións do seu lugar de orixe. Un exemplo é a colección de cactus do catalán Joan Bofill, quen asegura nunha entrevista ao periódico La Vanguardia: “é fascinante investigar formas de vivir así e intentar atopar as plantas no hábitat. É todo un reto intentar cultivar a planta simulando as condicións apropiadas”.

En ocasións, a paixón por coleccionar pasa dunhas xeracións a outras, coma o caso da Bambouseraie de Prafrance, unha importante colección de bambús (que co tempo se foi ampliando a outras especies botánicas). Foron plantadas por Eugène Mazel en 1856  e a súa familia seguiu aumentando o número de exemplares ata o día de hoxe.

Xardíns de colección en Galicia

Xa aquí en Galicia, non hai dúbida -como xa vimos noutras ocasións- que as coleccións de camelia son das máis abundantes na nosa comunidade. Non se trata soamente dos xardíns de camelias máis relevantes, senón dos innumerables afeccionados que dedican a súa vida ao cultivo deste arbusto, sen ir máis lexos, os últimos gañadores da 52 edición do Concurso Internacional da Camelia, Eusebio López ou Manuela Couso. Existen outras especies de colección, as veces non tan coñecidas, que intentaremos descubrirvos durante os próximos días.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con